martes, 31 de marzo de 2020

VITAMINA D

Estes días nas noticias estase a falar moito da importancia da Vitamina D para o noso corpo.
Para estar sans e fortes, o noso corpo necesita nutrientes que normalmente adquirimos dos alimentos grazas ao aparello dixestivo. As proteínas, os hidratos de carbono, as graxas, as vitaminas e os sales minerais son nutrientes que o noso corpo necesita diariamente para funcionar.

No caso da Vitamina D, hai moitos alimentos que a conteñen, sabedes que comidas podemos facer para ter a vitamina no noso corpo?
Pero tamén a podemos conseguir doutra maneira, que agora mesmo non nos é posible porque estamos metidos na casa. Sabedes de que forma a podemos conseguir? E se non temos vitamina D, que lle ocorre ao noso corpo? Que síntomas temos?

Buscade a información e elaborade un pequeno texto sobre a explicación da importancia da vitamina D no noso corpo, do que podemos facer para conseguila e o que lle ocorre ao corpo se temos unha deficiencia da mesma.


**Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra. Sempre podedes acompañar o texto cun debuxo para que quede máis vistoso ;) 
Pedide axuda aos vosos pais para que o revisen con vós fixándovos en non cometer erros ortográficos.

Amanda enviounos un audio para explicar a importancia da Vitamnina D. Escoitádea!!

PAPEL DE COCIÑA

Tranquilos, non vos vou propoñer outro reto matemático co papel de cociña. Xa sei que o reto do papel hixiénico costouvos un pouco!

Esta vez dou unha idea dunha actividade que podedes facer cando estedes aburridos durante estes días na casa. E como sei que vos gustan as manualidades!! 

Só necesitades papel de cociña e rotuladores e podedes facer moitos debuxos como este. Poñede a voar a vosa imaxinación!! A ver que vos sae!!


luns, 30 de marzo de 2020

CAZAPALABRAS 1

Agora vouvos propoñer outra actividade moi divertida. Tedes á mán revistas vellas,xornais, folletos publicitarios??

Pois a tarefa consiste no seguinte. Tedes que buscar entre as súas páxinas diferentes clases de palabras que aprendimos no colexio: palabras que nomean (substantivos), palabras que  describen aos substantivos (adxectivos) e palabras que expresan accións (verbos).

Cando as vaiades atopando tédelas que pegar nun folio  indicando o tipo de palabra da cal se trata. Aquí tedes un exemplo de como podedes facer.

Agardo as vosas fotos!! Poñereinas a continuación para que as poidan ver os compañeir@s.



FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

Para hoxe, un reto fotográfico. Sabedes que as matemáticas están na nosa vida, están en todas partes. Pois ben, eso é o que quero que fotografiedes, as mates!





Como? Pensa primeiro que forma parte das matemáticas: os números, as cantidades, as formas xeométricas, as gráficas, as sumas, liñas, medidas, simetrías, horas e moito máis. Unha vez o teñas claro comeza a buscalas nos pequenos detalles do día a día e fotografíaas. A cada foto ponlle un título que faga referencia ao concepto matemático que fotografaches.


Cantas máis fotos mellor, así que, a exprimir o cerebro! Agardo as vosas fotos.

Aquí tedes algúns exemplos:



Días de confinamento

1,2,3,4...

Simetrías azuis





sábado, 28 de marzo de 2020

FALANDO DE APLAUSOS....

Esta vez non vou propoñer ningunha actividade, xa sei que de momento tedes bastantes tarefas. Simplemente vouvos dar as GRAZAS pola vosa participación e implicación co traballo do cole. Tod@s estades facendo un traballo excelente. Nestes días estou recibindo moitas mensaxes coas vosas tarefas e estou abraiada.



E GRAZAS a vós, FAMILIAS, que dedicades moito tempo para que os vosos fill@s poidan facer as actividades propostas nas distintas plataformas. Grazas por compartir estes momentos cos nen@s. Grazas pola vosa colaboración. Grazas por participar na súa aprendizaxe.

Sei que están a ser momentos difíciles, sobre todo para os nosos nen@s. Están sendo uns campións!!!


Por iso, rapaces e rapazas, que saibades que mañá o aplauso vai ser para vós, para todos os nenos e nenas.Estades demostrando co voso esforzo diario ser persoas pacientes, responsables, traballadoras...UN APLAUSO PARA TODOS. MAÑÁ ESTAREI NA MIÑA VENTÁ APLAUDINDO MOI FORTE E PENSANDO EN TODOS OS MEUS ALUMN@S. Será o sábado ás 6 da tarde.



venres, 27 de marzo de 2020

DÉMOSLLE UN RESPIRO Á TERRA

Estes días, co estado de alarma, debemos permanecer nos nosos fogares. As rúas están baleiras, moitas empresas deixaron de funcionar e regúlase o acceso aos supermercados, entre outras medidas.

Dentro do noso proxecto de centro, Soñando mares transparentes, levamos reflexionado moito acerca de como protexer o planeta, acerca de como se sentiría entre tanto plástico e tanto fume. Ben, pois agora que as persoas imos permanecer nas casas durante unha tempada... Como cres que se sinte agora o noso Planeta?

Escribe un pequeno de texto, non de menos de 6 liñas, no que nos contes como afecta á natureza que os humanos permanezcamos nas nosas casas e como cres que se sinte ela.

Primeiro elabora un borrador con lapis e papel, logo revísao atentamente para corrixir os teus erros.  Podes acompañar o texto cun debuxo. Unha vez listo pasao a limpo e envíame unha foto ao meu correo electrónico.

Sede curiosos, vaivos ler moita xente e teñen que entender a letra ;)

E se che apetece, podes grabar un audio, no que nos leas o teu texto e colgareino xunto coa foto.

AINHOA F. enviou o seu audio, escoitade que ben o explica!!

SUPERESCOLA MÚSICAAA

A profe Carmen púxose en contacto conmigo para convidarnos a todos a visitar o seu blogue, no que poderemos practicar un pouco de música. Chámase "SUPERESCOLA".
Fixádevos, tedes o enlace na columna da dereita,  na sección BLOGUES DE INTERESE.
Non vos perdades as novidades!! Eu xa o visitei!!



xoves, 26 de marzo de 2020

UN APLAUSO

Estes días estase a facer un chamamento á poboación para saír ás ventás ás 20:00 horas e dar un aplauso a todas as persoas que están traballando duro para combater esta pandemia, como pode ser o persoal sanitario que está nos hospitais.


*Sabedes o que é unha pandemia? Buscade o seu significado no dicionario da Real Academia Galega (RAG) que tedes na parte dereita do blogue.


Vós acudides a esta cita? Saídes ao balcón ou ventá a aplaudir xunto coa vosa familia? 




Que profesionais credes que están sendo moi importantes nestes días nos que non podemos saír da casa polo Coronavirus? Credes que son solidarios? Por que?


Escribide un pequeno texto en comentarios onde nos contes que profesións cres que son moi importantes nestes días e en que consisten. Tamén nos podedes contar a todos se acudides á cita das 20 h a aplaudir!!

mércores, 25 de marzo de 2020

MATES CON PAPEL HIXIÉNICO

Como sei que vos gustan os retos matemáticos e que vos poñan a proba...imos alá! Tede en conta que este reto matemático vos levará tempo, serían 2 ou 3 sesións da área de matemáticas.


Levan dicindo nas noticias varios días que os supermercados se están a quedar sin existencias de papel hixiénico. Non porque a xente merque moito, senón porque os paquetes son moi grandes para almacenar e teñen menos cantidade no almacén en stock (se non coñeces esta palabra, busca a definición no diccionario RAG á dereita ➡️) Así que tranquilos, non nos imos quedar sen papel!

Ben, agora preguntade á vosa familia onde gardan as existencias de papel hixiénico para poder comezar a traballar.

Ide lendo e contestando pregunta a pregunta. Non pasedes á seguinte ata non contestar a anterior e ide anotando e explicando as respostas por escrito nun papel. Logo enviaredesmo ao correo electrónico.


1. Colle os paquetes de papel hixiénico.

 - Cantos paquetes de papel hixiénico tes na casa? 
 - Cantos rolos de papel ten cada paquete?
 - Entón, cantos rolos de papel hixiénico tedes en total?
 - Podes calculalo de varias maneiras distintas?
 - Pensa en cantas persoas vivides na casa e reparte. Cantos rolos de papel vos tocan a cada un? Sobra algún? Poderías repartilos dalgunha maneira distinta?
 - Cres que vos chegarán para unha semana ou teredes que mercar máis?

2. Colle un deses rolos e corta pola liña de puntos un dos anacos de papel.

 - Mírao, pensa e escribe cantos centímetros cres que mide?(Estimación) 
 - Logo, colle unha cinta métrica e comproba  o que mide. 
 - Reflexiona, pasáchete ou quedáchete corto? Por cantos cm?
 - Pensa, cantos anacos de papel cres que ten o rolo de papel en total? Este punto podes facelo con axuda da túa familia. Que cada un faga a súa aposta.
 - Logo, se podes, compróbao. Por cantos anacos te pasache ou te quedaches corto? Quen foi o membro da túa familia que se achegou máis á cantidade exacta?
 - Se sabes cantos anacos ten e canto mide cada un, dime... Cantos centímetros de papel ten o rolo en total? Podes calculalo coa calculadora.
 - Se sabes que un metro está formado por 100 centímetros (ao igual que un euro está formado por 100 céntimos) Cantos metros ten o rolo de papel hixiénico? (Debes escribilo coma os euros, cunha coma que separa os euros dos céntimos. Neste caso separará os metros dos centímetros. Por exemplo: 1,20 serían un euros e 20 céntimos ou 1 metro e 20 centímetros. Faltaríannos 80 centímetros máis para completar outro metro e chegar a ter 2)

3. Mírate ao espello e colle un paquete de rolos de papel e unha cinta métrica.

 - Pide axuda para medirte. Canto mides?
 - Agora mide ti aos membros da túa familia e anota as medidas.
 - Colle un rolo de papel hixiénico e, coa axuda da cinta métrica dime, canto mide de alto?
 - Sabendo esto, cantos rolos de papel cres que necesitarías apilar para crear unha torre igual de alta ca ti? E co teu familiar?
 - Compróbao. Estabas no certo? Cantas rolos de máis ou de menos criches que ías necesitar para ti? E para o teu familiar?


Agora mándame por correo electrónico unha foto do papel onde anotache e explicache todas as respostas e unha foto xunto á torre de papel hixiénico. Será divertido velas ;)



CORAIS

Canto aprendimos este ano sobre os corais !!!!!
Sabemos que os corais son animais, que non son plantas, aínda que hai moita xente que o pensa. E sabemos que... ESPERADE!! Vouvos poñer a proba para comprobar o que recordades de todo o que aprendimos.

A continuación, déixovos unhas preguntiñas. Se olvidastes algúns datos, podédelos buscar outra vez. Na parte dereita do blogue tedes o enlace para poder acceder á Wikipedia. 
Se queredes podedes poñer as vosas respostas nos comentarios!!

1. Que tipo de animais son os corais? (recorda que no caderno de ciencias temos a clasificación).
2. Como se chama a parte viva do coral? 
3. De que se alimentan os corais?
4. Como cazan as súas presas?
5. Que dous tipos de reprodución poden ter?
6. Os corais son de moitas cores porque dentro dos seus tecidos viven unhas algas microscópicas. Que nome reciben estas algas?
7. En que tipo de augas viven a gran maioría dos corais?
8. Cantas especies coñecidas hai de corais?
9. Os corais forman arrecifes. Por que son tan importantes?
10. Cal é o arrecife máis grande do mundo?
11. De que están formados os arrecifes?
12. Os arrecifes de coral son grandes ecosistemas onde viven moitos animais, podes nomear algún?
13. Os arrecifes están en perigo debido ao cambio climático. Que lles ocorre aos corais se cambia a temperatura da auga do mar?
14. Tamén a ACIDIFICACIÓN dos océanos inflúe para a desaparición dos corais. En que consiste a acidificación?

Primeiro, anotade toda a información nunha folla. E cando xa teñades todos os datos, sería interesante que fixérades un texto con todo o que sabedes. Podedes tamén facer un debuxo que acompañe o texto. 
Esta actividade pódevos levar varios días. Tomádeo con calma, non teñades présa por rematar. O importante é que o texto que escribades sexa claro para que as persoas que o lean o poidan entender.
Cando xa o teñades listo podedes envialo ao meu correo electrónico e así colgareino no blogue para que o vexan os vosos compañeir@s.

*Lembra facer oracións con sentido, cada idea nunha oración. E non esquezas de poñer os puntos e as maiúsculas.


luns, 23 de marzo de 2020

ANÍMATE A PARTICIPAR!!

Sabiades que o Concello de Viveiro está a poñer en marcha dúas iniciativas para fomentar a creatividade de todos os nenos e nenas de Viveiro durante esta temporada que temos que pasar nas nosas casas?
Seguide lendo !!!!

BIBLIO- MASCOTA
Mediante este concurso preténdese escoller a mascota da Biblioteca Pública Municipal durante o ano 2020.
Co debuxo gañador realizarase un peluche que, durante un ano, se convertirá na mascota da biblioteca municipal. E o neno ou nena gañador/a recibirá un lote de material escolar, ademais dun abono para as actividades infantís do Teatro Pastor Díaz.
Pero ollo!! .... o debuxo que gañe non será o definitivo, posto que cada ano farán unha nova edición deste concurso para que todos os nenos e nenas teñan a oportunidade de participar.
BASES DO CONCURSO

CARTEIS POSITIVOS
Esta segunda iniciativa xa a coñecedes porque é a que xa temos proposta no noso blogue.
Podedes enviar as vosas fotografías cos debuxos e mensaxes de ánimo que fixestedes ao enderezo electrónico rbg.cultura@viveiro.es, facendo constar o voso nome e apelidos.
Cando remate esta difícil situación, o concello organizará unha exposición nas instalacións municipais e editará un vídeo conmemorativo destas datas que están sendo tan complexas para todos.
FESTAAAAA
E finalmente, unha vez que pase todo isto e poidamos volver á normalidade, o concello organizará unha festa na Praza Maior para todos os nenos e nenas de Viveiro, como mostra de recoñecemento polo ben que o estades a facer estes días, nos que estades a aprender a ser máis pacientes e demostrades o voso esforzo diario quedándovos na casa.
Xa me tarda que chegue ese día para poder disfrutar todos xuntos!!!

SOL DE NÚMEROS

Nestes días nubrados imos facer que saia o sol. Para iso propóñovos que realicedes un sol numérico e me mandedes unha foto para compartilo si queredes. Sede orixinais, buscade as operacións máis creativas e poñédevos a proba. A presentación tamén pode ser creativa... 


Pero antes de realizar o sol necesitades saber cal é o número proposto verdade? Pois ... primeiro tedes que descifrar as seguintes pistas. Adiante!
Ten centenas. A cifra das decenas é maior que 2 e menor que 6. A cifra das unidades é 4. Se sumamos a cifra das unidades e das decenas suman 7. É un número mayor de 99 e menor que 200

Pon a cabeciña a traballar. Non é fácil pero concéntrate e cando teñas o número... A polo sol máis ORIXINAL! 

OLLO!Non compartas aquí o resultado. Mándame o sol por correo electrónico. Se tedes algunha dúbida podédesme escribir. 

domingo, 22 de marzo de 2020

21 M DÍA DA POESÍA

Hoxe, día 21 de marzo, celébrase o Día da poesía.

Pero sabedes desde cando se celebra? Quen propuxo esta data e por que? Como se chama a este día no continente europeo? Buscade esta información e escribídea abaixo nos comentarios. Espero as vosas mensaxes!



Antes de marchar, vouvos facer outra proposta...

Durante o 1º trimestre fixemos uns poemas relacionados co Nadal e o inverno, recordades?
Pois agora anímovos a que elaboredes poesías relacionadas coa primavera, estación que estamos comezando, aínda que non a podamos disfrutar como nos gustaría. Podedes envialas ao meu enderezo electrónico e colgareinas no blogue.

*Poderedes ver a recopilación de poesías na pestana da parte superior, debaixo da cabeceira, que leva por título Poemas primaverais.

sábado, 21 de marzo de 2020

GOOGLE DOODLE

Estou segura que todos e todas sabedes o que é Google, pois usámolo moitas veces para facer pescudas en rede pero... Sabedes o que é un Google Doodle? 
Se non o sabes, fai click na imaxe e accederás á páxina de Google.
Alí, xusto enriba da barra de búsqueda soe atoparse  a palabra Google. De vez en cando, esta palabra aparece personalizada cun debuxo. Se clicamos enriba poderemos ver un pequeno vídeo, dedicado a algunha persoa ou celebración.
Fai clic na imaxe para ir directamente a Google e cando accedas preme no debuxo. Logo deixa un comentario. A quen se lle adica hoxe o Doodle? Que descubrimento fixo? Por que cres que xustamente estes días lle dedican o Doodle?

venres, 20 de marzo de 2020

MARICA CAMPO

Esta muller é Marica Campo, a autora do libro que estamos lendo, "Unha misión para Clara".




Pero sabedes de onde é? Que idade ten? Se escribiu outros libros? Se ademais de escribir, ten outra profesión?

Parece que é unha persoa descoñecida para nós, verdade? Pois anímovos a que busquedes información sobre ela e deixedes os vosos comentarios máis abaixo con todo o que atopedes. Non vos esquezades de identificarvos!

Na columna da dereita do blog tedes diferentes ferramentas para a búsqueda de información (Google, Wikipedia, dicionario da Real Academia Galega...). E tede en conta os seguintes consellos!



Cando procuramos información sobre alguén...
1. Procuramos unha información xeral que nos guíe un pouco. Xeralmente algo atopamos na Wikipedia para comezar.
2. Lemos con atención para comprender ben a información.
3. Quedámonos con datos importantes. Ordeamos a información.
4. Non copiamos “tal cual”! Imos construindo un resumo ordeado, con frases ben feitas e contando a información máis importante, a que poda ser de máis interés.
5. Consultamos outras fontes de información para completar a información e saber máis. As fontes de información consultadas tamén as temos que incluír no noso traballo. É dicir, temos que citar onde atopamos a información, en que páxina web. (As fontes consultadas deben ser fiables).

CLARA E O EUCALIPTO DE CHAVÍN

Supoño que coñecedes este libro, verdade?


Nas clases de lingua galega, coa mestra Ermi, estamos léndoo e aprendendo moito con todo o que lle acontece a Clara. Podedes escoitar no seguinte enlace a lectura do capítulo 16 que gravou Ermi.

 https://www.ivoox.com/49101695





Nun dos capítulos, a autora Marica Campo fai referencia ao Avó, eucalipto de Chavín, recordades?

Pois para que vaiades traballando nas vosas casas e para que non vos esquezades de Clara en ningún momento, collede o voso caderno ou un folio e traballade co seguinte texto.

Se queredes tamén podedes deixar algún comentario máis abaixo contestando ás cuestións que se vos propoñen. Ou podedes enviarme un correo electrónico cos vosos traballos.


O AVÓ. EUCALIPTOS DE CHAVÍN

Existen uns eucaliptos inmensos no Souto da Retorta, en Chavín, ao lado de Viveiro. O chamado Avó é o máis vello, plantado en 1880. O Avó ten 67 metros de altura e case once metros de perímetro. Din que é o segundo eucalipto máis vello da Península Ibérica, despois dun que hai en Portugal. Tamén din que é a árbore máis alta de Europa.


1. Le con atención o texto.
2. Copia o texto fixándote moito. Copiar é escribir igual que está, fíxate para non cometer faltas de ortografía. Fíxate ben nas “uves” e nos acentos gráficos. Non se poden cometer faltas copiando!
3. No Souto da Retorta,  a que árbore lle chaman O Avó? Por que lle chaman así?
4. Cantos anos hai que plantaron O Avó?
5. Canto mides de altura? Que diferencia de altura hai entre ti e O Avó eucalipto?


Lembra contestar ás preguntas con frases ben feitas. Repasa o escrito e corríxete. Consulta o dicionario en caso de dúbidas.


TAREFA DE DIEGO ÁLVAREZ





mércores, 18 de marzo de 2020

CIENCIA EN GALEGO

Para os máis científicos hai un programa da televisión galega "AQUELANDO" onde realizan moitos experimentos de ciencia. Na TVG2 ás 16.30h


E se premedes no enlace tedes todos os programas á carta na súa páxian web.

http://www.crtvg.es/infantil/programas/aquelando

RETO MATEMÁTICO

Nas clases de matemáticas estivemos traballando a resolución de problemas. Recordades que por equipos inventastes un montón de problemas para resolver?



Pois propóñovos facer o mesmo nas vosas casas.
Cada día inventade un problema que se poida resolver cunha suma, unha resta, unha multiplicación ou dúas destas operacións, e escribídeos nun papel ou nun caderno. Seguro que saen problemas moi interesantes!! Podedes escríbilos abaixo nos comentarios e solucionalos entre todos, que vos parece? Recordade poñer o voso nome para identificarvos


De todas maneiras se queredes repasar, no seguinte enlace hay un montón de problemas que podedes resolver.

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos/juegos-matematicas/problemas/pro-tercero


MÁIS RECURSOS

Se premes no seguinte enlace terás moitísimos xogos para repasar todo o aprendido. 

https://www.mundoprimaria.com/juegos-educativos





martes, 17 de marzo de 2020

CARTEIS SOLIDARIOS

Durante estes días, e debido á necesidade de permanecer nas nosas casas para protexernos uns a outros fronte ao virus, xurdiu unha iniciativa que me parece moi bonita. 


Resultado de imaxes para: pancarta ventana coronavirus
Esta iniciativa consiste en elaborar un cartel ou pancarta para colgar nunha ventá ou balcón da casa e animar a todas esas persoas que están tamén nos seus domicilios.

Súmaste á iniciativa?

Recorda que para que sexa un cartel debes pensar unha mensaxe curta. Pouco texto e letras grandes para que se poida ver dende lonxe ;)

Unha vez que o fagas, saca unha foto e envíama ao correo electrónico que compartín con vós por Abalar para facer uha entrada con todas as recibidas no blogue. Deste xeito todos poderemos vela e animarnos lendo mensaxes positivas.

**Poderás ver a recopilación de carteis na pestana da parte superior, debaixo da cabeceira, que leva por título Carteis solidarios.

XOGOS MATEMÁTICOS

Como vamos a pasar moitos días na casa sen ir á escola, é importante que non vos esquezades de repasar matemáticas (táboas de multiplicar, sumas, restas, multiplicacións... tamén o inicio ás divisións, que foi onde nos quedamos a semana pasada). OLLO! Non fagades exercicios que aínda non aprendimos.
 Ao premer nos seguintes enlaces accederedes a dúas páxinas con diferentes xogos matemáticos para practicar. 






luns, 16 de marzo de 2020

SEMANA DA PRENSA

A semana pasada estábamos a celebrar a Semana da Prensa no colexio e os nenos e nenas de 3º aprendimos un montón de cousas novas, verdade?  Como que a palabra prensa é unha palabra polisémica e colectiva, ao referirse ao conxunto de xornais e revistas. 




E que dende hai uns meses hai un novo xornal que se publica integramente en galego, sabedes cal é? Fixádevos na foto!






A próxima semana íamos ter a visita dunha nai dun compañeiro que traballa como xornalista en La Voz de Galicia en Viveiro. Entre todos tiñamos pensado facer unha rolda de prensa e preparamos un montón de preguntas para facerlle. Mágoa que de momento non vai poder ser e teremos que esperar ata regresar ao cole. Yoli, á volta agardamos a túa visita!!

Un deses días que investigamos sobre a prensa, levamos varios xornais á aula e investigamos as seccións que conteñen e que tipo de noticias que aparecen en cada unha. E con moita tristeza comprobamos que moitas das novas publicadas son moi negativas, sobre todo as referidas ao COVID-19 (coronavirus).

Por iso, propóñovos que durante estas semanas que ides pasar na casa inventedes algúns titulares de noticias positivas, de cousas alegres e divertidas que pasaron no cole durante o curso. 

Recordade que os titulares son textos curtos que nos dan a principal información da noticia.

Agora premede abaixo en comentarios e escribide os vosos titulares para que os vexan os vosos compañeiros e compañeiras e alegrarlles o día con boas novas a todas as persoas que entren no blogue.

Comezo eu, parécevos??